– USC: Biotecnoloxía, Criminoloxía
– ambos no campus de Santiago -; Emprendemento, Xestión do Patrimonio e
Industrias Culturais, Robótica Agroforestal, Bioquímica Agroforestal (todos
estes no campus de Lugo). Amais, introdúcese o grao interuniversitario xunto á
UDC en Paisaxe, que se impartirá no
campus de Lugo dous anos, e na Coruña outros dous.
– UDC: ademais de Paisaxe,
xorden os graos en Xestión Industrial da Moda,
Xestión da Información e Documentación Dixital, Enxeñaría Eléctrica
(estes no campus de Ferrol) e os de Ciencia e
Enxeñaría de Datos e Creación Dixital, Animación e Videoxogos, no campus
da Coruña.
– UVigo: Enxeñaría Biomédica,
no campus de Vigo; e Deseño e Creación,
no de Pontevedra.
Os títulos singulares considéranse “necesarios” para unha
oferta completa.
Ademais, a Xunta e as universidades acordaron declarar oito títulos
singulares, que pese a non ter moita demanda nos últimos anos, considéranse
necesarios para contar cunha oferta completa, integrada e coherente; en
definitiva, esenciais e indispensables para o sistema. Son os graos en Filoloxía Clásica, Lingua e Literatura Galegas, Xeografía e
Ordenación do Territorio (USC); Tecnoloxía da Enxeñaría Civil, Enxeñaría Naval
e Oceánica, Arquitectura Técnica e Galego e Portugués (UDC); e Enxeñaría dos
Recursos Mineiros e Enerxéticos (UVigo).
Títulos retirados
Por outra banda, decidiuse retirar unha serie de graos que “presentan de
maneira reiterada unha moi baixa demanda”. Na maioría dos casos, segundo indica
a Xunta, no curso no que se retira a oferta do 1º curso do título comeza a
impartirse un novo cun perfil máis axeitado. A retirada farase de xeito
ordenado e programado.
Estes graos son,
--na USC, os graos en Enxeñaría en Xeomática e Topografía,
Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, Xestión de PEMES, e Lingua e
Literatura Españolas.
--no caso da UDC, retíranse da oferta os graos en Humanidades, en
Información e Documentación, en Enxeñaría Eléctrica e en Ciencias Empresariais
(este último, con demanda, pero retírase por organización interna da
Universidade).
--Na Universidade de Vigo, pola súa parte, non se retira ningún grao.
Títulos duplicados con baixa demanda e multiplicados con alta
Hai, ademais, unha serie de títulos de
grao que están duplicados no sistema, que ofrecen a mesma habilitación
profesional e comparten unha habitual baixa demanda de estudantes. A solución
para estes casos pasa por elaborar unhas directrices conxuntas entre as tres
universidades, a través do Consorcio Interuniversitario de Galicia, para
impulsar a colaboración e a potenciación da súa oferta docente.
Os títulos que se atopan nesta situación son:
-- o grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural (USC) e o grao en
Enxeñaría Forestal (UVigo);
-- o grao en Enxeñaría Agrícola e Alimentaria
(USC) e o grao en Enxeñaría Agraria (UVigo);
-- e, por último, o grao en Enxeñaría Civil (USC)
e o grao en Enxeñaría de Obras Públicas (UDC).
No sistema tamén se detectan títulos multiplicados con alta demanda. Neste
caso, segundo informa a Xunta,” tentarase diversificar a oferta global a través
de orientacións, axeitando a oferta global ás demandas da sociedade galega, ou
ben homoxeneizando contidos e competencias nos dous primeiros cursos para
favorecer a mobilidade dentro do SUG”.
Así, vaise propoñer, por parte dun comité de expertos académicos de fóra de
Galicia, a homoxeneización de, polo menos, os dous primeiros cursos, e
incluiranse suxestións de orientacións ou mencións para os dous últimos cursos.
Posteriormente, constituirase unha comisión interuniversitaria integrada por
representantes de cada universidade vinculados ao título que valorarán os
informes previos e, de consideralo axeitado, consensuarán os títulos
especializados que procedan.
Os nove títulos nesta situación son: Administración
e Dirección de Empresas, Química, Bioloxía, Comunicación Audiovisual,
Enfermería, Dereito, Educación Primaria, Educación Infantil e Enxeñaría
Informática.